Fontao, Facendo Pobo

En Vila de Cruces, no corazón da Galiza rural, atópase o Poboado Mineiro de Fontao, un antiguo poboado mineiro que fora abandoado nos anos 60, rehabilitado no ano 2004 e no que agora vivimos unha morea de familias.

A partir do ano 2005 chegamos xente de diferentes lugares, diferentes idades, homes, mulleres, nenos e nenas… pero todos con unha ilusión común, a vida no Poboado Mineiro de Fontao, ao carón dun dos enclaves mineiros europeos de volframio máis importantes da Segunda Guerra Mundial, pero que nese momento estaba lonxe deses anos de esplendor dos “tempos da mina”.

Non tardamos en comezar a saludarnos, a coñecernos, a invitarnos a café… en definitiva, a facer comunidade… non había onde xuntarxe, polo que tivemos que facelo nas casas, e chegou o “happy villages” que tanto ansiabamos, sen nin sequera sabelo.

As familias comezaron a crecer en número, e en poucos anos pasamos de ter cinco, seis rapaces a unha veintena, e con eles novas inquedanzas. Cada membro que chegaba facía medrar a nosa pequena comunidade, e con ela comezamos a tecer lazos, con actividades culturais, festas, tardes de parque, proxectos, risas e cafés, moitos cafés… momentos para contar contos, falar das nosas aficións, facer plans… pero tamén de compartir experiencias… pedir consello e aconsellar, en definitiva aprender os uns dos outros.

Durante estes trece anos de convivencia, a través da Asociación Veciñal Minas da Brea fixemos unha morea de actividades, entre elas tivemos a gran oportunidade de participar como parceiros con checos e polacos en dous proxectos europeos, o “Happy Village” e o “The Story of me”. Ambos nos axudaron a coñecer mellor a historia de Fontao, moi importante para a nosa identidade común, pero tamén partillar cos checos e polacos nos axudou a darnos conta que compartimos moitas ilusións e inquietudes comúns.

Deste contexto de aprendizaxe permanente, e do noso crecemento tanto colectivo como individual, aflora a nosa necesidade de formar parte deste bonito proxecto, o MOMMAS Coffee, un espazo para a escoita, para a aprendizaxe, para partillar as nosas inquedanzas, as nosas experiencias, para coñecer novas formas de maternidade… algo que en Fontao coñecemos ben, porque aquí a familia traspasa os confíns do fogar para chegar ata os da comunidade, as portas están abertas para aprender e compartir!

Co MOMMAS Coffee a nosa familia faise extensiva e chega ata República Checa da man de LOS – Libereckáobčanská společnost y con Unesco Initiatives Centre para Polania.

Este proxecto é moi importante para nos porque nos axuda a seguir medrando, a través do coñecemento e da posta en común esperamos que as nosas crianzas sexan máis felices, un fin en sí mesmo, e con eles nos como nais e pais, e con nos, a nosa comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio