As participantes, trainers, organización, nenos…- finalmente asisitimos ao 3º encontro que
ven a completar o primeiro ciclo do proxecto. Dende o 27 de febreiro ata o 4 de marzo de
2020, xuntámosnos no albergue de Mouriscade, en Lalín, Galicia, para compartir, facer unha
posta en común e enpoderarnos para o futurl. Foi un encontro moi significativo xa que máis
que seguro, non nos volveremos a atopar da mesma maneira, aínda que tampouco se pode
dicir nunca xamais…
Un pequeno diario do encontro foi escrito por Cristina Gende, coordinadora do blog en
Galicia.
27 Febreiro, Chegada
Unha primeira ollada, algunhas participantes paseando polo albergue, últimos preparativos,
diferentes zonas, primeiras impresións, moitos traballos e esforzos para sacar o mellor do
encontro.
Algunhas caras coñecidas, outras novas…
28 Febreiro, Primeiro día
A sala está chea de xente, mulleres e nenos falando, organizando os últimos preparativos,
moitos nenos polo chan, presentación, nervios e tensión, semella que sempre falta algo, mais
debemos confiar, todo vai saír ben.
O tempo é primaveral, mesmo se aínda estamos no inverno.
As sesións vanse celebrar fóra, no bosque a carón do albergue. Hai un muíño, un cuberto e un
regato cheo de vida, regalándonos lixeireza, frescura, calma e relax.
Afondando nos temas.
Mulleres, árbores e círculos, o río debuxa un círculo arredor do bosque, onde o circulo de
mulleres está.
Famentas e pode que anoxadas, coma as nosas crianzas nas últimas horas do día, no momento
no cal necesitan algún tipo de alimento, pode ser comida, poden ser abrazos, se cadra tan só
un sitio tranquilo onde poder repousar.
O ceo azul pintado de polas.
29 Febreiro
Hoxe as nosas expectativas eran altas… precisamos mellorar e corrixir algúns aspectos do
programa do encontro. Organizar o encontro é todo un reto, mais aprendemos dos erros, é
unha parte do proceso.
Coma o tempo, ás veces fai sol, ás veces nubrado, ás veces chove e de cando en vez ven o
trebón, gustaríame meterme debaixo das sábanas.
Será que precisamos dun pastor levando o rabaño? Ou que non somos suficientemente
capaces para guiarnos a nós mesmas? Ou que non confiamos dabondo nos outros, ou que
coma espellos, proxectamos as nosas propias inseguridades de xeito que os outros se senten
inseguros de nós..?
Alimentación e enerxía son os temas centrais do encontro en Galicia. Temos unha cociñeira,
chámase Chus. Chus é unha muller miúda, con moita experiencia no seu oficio, seguramente
ten cociñado para milleiros de persoas. É máis que evidente que as participantes están moi
contentas cos resultados.
A cociña como arte e fábrica de saúde e emocións, non si?
Produtos frescos da Finca de Bendoiro.
Á tardiña Ágata preparou unhas crepes sen glute, con fariña de pataca, de millo e de trigo
sarraceno cun recheo de plátano e mazá, e uvas pasas e dátiles, a modo de crema de cacao.
Dianettis, Paula, Fabio e Ana prepararon pizza para o seguinte día… entón, chegou a música.
1 de Marzo
Who’s that girl? O título da famosa canción de Madonna ven á miña cabeza, pregúntome quen
é cada unha das mulleres do encontro de Mommas en Galicia. Quen é cada unha delas, porque
están aquí, que temos en común?…que podemos aprender as unhas das outras…?
Alena, Misa, Kaci, Agata, Kamila, Jana, Jana, Maria, Terka, Karolina, Ania, Patricia, Sara, Sonia,
Dianettis, Lorena, Milena…
Estivemos en Fontao, estivemos cos nosos rapaces, compañeiros, maridos, veciñanza, abrimos
os nos espazos comúns, algunhas das nosas casas, comemos as pizzas preparadas de antes e
bebemos.
Esquecín dicir que improvisamos e que decidimos cousas sobre a marcha, pero decidimos.
Seguindo certa visión auto indulxente da vida, non fixemos mal a ninguén e non houbo danos
colaterais, espero.
Chove e chove.
2 de Marzo
Nestes momentos síntome moi cansa e con sono. O día foi moi levadeiro. O viño é un perfecto
anfitrión, así que viva o viño! e as xentes e mulleres que invitaron e o beberon en Breixa.
Chegando ao albergue esta mañán había árbores e polas caídas pola estrada, pois a noite
pasada fixo moito aire e choveu arreo. Despois da tormenta, chegou a calma. E certamente en
Mouriscade había un marabilloso estado de calma. Todo flúe, coas historias de aquelas que
quixeron contar e a intervision, para practicar a escoita.
Penso que nalgún lugar do mundo está acontecendo algo semellante ao que estamos a vivir
estes días aquí, ou pode ser que xa acontecera.
A cunca é o nome que lle damos ao recipiente onde se bebe o viño novo. Poderíase
redenominar ao encontro Mulleres e Viño.
Mesmo Brais veu con aires renovados do Atlántico, mente clara.
Mañán almorzaremos con rosca de Dianettis, chea de ritmo e assúcar.
3 de Marzo
O día preséntase moi emotivo, é o último día. As emocións están no aire, e a alegría tamén.
Pola mañán, o círculo. Unha a unha, compartimos como nos sentimos, entón, Kamilla fálanos
das cartas de amor, de Jimmy Hendrix, da carta de amor de Jimmy Hendrix e da carta de amor
que nos escribiriamos a nós mesmas.
En certo modo, as nosas cabezas están aquí e alí ao mesmo tempo, pensando sobre as cousas
que queremos facer ou sobre o que nos queremos dicir.
É un pouco coma “Bulide, o tren vai saír dentro de uns minutos”.
Os contos. Volvendo ao círculo. Gústanme os nenos nos seus círculo. Todo resulta tan natural.
Por que?
Hoxe as palabras están nugallás na miña cabeza. Imaxino as bombas que anuncian que a festa
acabou.
Mais… que é o que ha de quedar despois do encontro? Se cadra a intención de preparar unha
próxima comida saudable para as nosas crianzas? Ou, o desexo de participar nun novo
encontro de mommas, de algún xeito, o feito de que hai xa un antes e despois do encontro,
non estamos soas mommas!
Felices soños!
— Cristina: Galician poet, forest manager, mom of 3.